A informática e a vida

Unha serie de obradoiros de Eva Cernadas García para celebrar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

A tecnoloxía resolve problemas imitando como os resolveriamos as persoas na vida real. Con esta simple idea, imos construíndo os programas dos ordenadores

Eva Cernadas García

Directora do proxecto

Un proxecto con historia

Agradecementos

Este proxecto comezou en 2016 cando a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, puxo en marcha o programa “Unha enxeñeira ou científica en cada cole” para a realización de obradoiros científicos nos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) públicos de Santiago. Grazas á responsable da OIX en 2016, Dra. Eva Aguayo Lorenzo, e a Dra. Encina Calvo Iglesias por invitarme a participar neste programa co obradoiro “Informática visual aplicada á bioloxía”.

Grazas a todas as nenas e nenos anónimos que, ó longo destes anos, coas súas preguntas e inquedanzas foron mellorando as actividades do obradoiro. Grazas ao profesorado de educación primaria e secundaria que me recibiu nas súas aulas, polas súas aportacións didácticas no desenvolvemento dos obradoiros da aula. Grazas tamén ó meu fillo Fuco e ás miñas fillas Gala e Leda polas súas preguntas, comentarios e críticas ó longo destes anos. No ano 2021, a OIX estende a iniciativa a todos os CEIP de Galicia. Este curso 2023-24, a responsable da OIX, Dra. Marta Pérez Pereiro, amplía o número de obradoiros. A documentación do obradoiro “A informática e a vida” que tedes nas mans é a evolución dese obradoiro inicial. Grazas á OIX da USC por invitarme a este novo reto, e ó Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS)  por dar o soporte necesario para a distribución e difusión da documentación do obradoiro.

Neste obradoiro úsanse dous produtos de investigación, os programas CystAnalyser STERapp. Quero agradecer a participación de todas as persoas que fixeron posible esta investigación: Adrián Cordido, Miguel A. García González, Manuel Fernández Delgado, Almoutaz Mbaidin, Sonia Rábade Uberos, Rosario Domínguez Petit, Andrés Villaverde, María Encarnación Gónzalez Rufino e Arno Formella.

Achega a ciencia ó alumnado

Explora coa túa clase os obradoiros elaborados por Eva Cernadas García!